Friday 17 de May de 2024

Limpeza de ríos en San Sadurniño


Hoxe participamos na xornada anual de limpeza simultánea de cauces convocada por Adega dentro do Proxecto Ríos. Cubrimos varios puntos do Xubia, do que retiramos algúns plásticos, envases e outras cousas (poucas) que non agardabamos atopar nas ribeiras: parte do parachoques dun coche, o gardabarros dun camión, un chupete e incluso un gorro de punto no que xa medraba a herba e outra vexetación.

En total recolléronse uns 50 quilos de refugallos gracias á colaboración dun grupo de 15 persoas voluntarias que se sumaron ao chamamento, que tivo como principal finalidade ser unha acción de concienciación -especialmente para a rapazada, que é o futuro- sobre a importancia de manter limpos os nosos ríos e garantir a continuidade do ciclo da auga.

O percorrido desta mañá serviunos tamén para confirmar que, en canto a limpeza, a saúde do Xubia no tramo urbano de San Sadurniño é moi boa.